Friday 03 de May de 2024

O Concello de Noia realiza traballos especiais de limpeza e desinfección no municipio


O Concello de Noia continúa aplicando medidas especiais de loita contra a propagación do coronavirus COVID-19. Entre estas actuacións figuran os traballos especiais de limpeza e desinfección levados a cabo nos últimos días en lugares de especial concorrencia veciñal, como o centro de saúde ou a estación de autobuses.

O operativo está sendo levado a cabo polo persoal municipal de Protección Civil e, tal e como apunta o alcalde Santiago Freire Abeijón, “ten como obxectivo manter nas mellores condicións de seguridade e de salubridade as instalacións e rúas de Noia para evitar contaxios e a propagación do virus”. Neste sentido, confirma que “dende o Concello de Noia seguiremos facendo todo o que estea nas nosas mans para previr contaxios pero precisamos da colaboración de toda a veciñanza e de que sigan cumprindo as recomendacións das autoridades sanitarias”.

A maiores destas medidas de limpeza e desinfección, o Concello de Noia acordou unha serie de medidas preventivas para o uso da Praza de Abastos onde, de acordo co Real Decreto de estado alarma, só poden permanecer abertos os establecementos minoristas de alimentación, bebidas, produtos e bens de primeira necesidade. Uns locais que deberán extremar as medidas de desinfección e limpeza para evitar posibles contaxios, recomendándose o uso de luvas vinílicas e gorro para cubrir o cabelo e controlando que consumidores e empregados manteñan a distancia de seguridade de, polo menos 1,5 metros. En todo caso, está prohibido superar o terzo do aforo permitido.

Finalmente, o Concello de Noia puxo a disposición da veciñanza dous teléfonos de información: o 618 964 705, para informar sobre as medidas económicas anunciadas polo Goberno durante a alerta sanitaria; e o 981 828 011 para dar resposta a situacións de necesidade ou emerxencia que se produzan nos fogares noieses durante a corentena. Un dispositivo coordinado polo Departamento de Servizos Sociais Noia, que dirixe a tenente de alcalde Marisol Villar, e no que participan Cruz Vermella Noia, o grupo de voluntarios e os traballadores do Departamento de Protección Civil.